IGAPE RESPONDE: ASESORAMENTO GRATUÍTO A AUTÓNOMOS E PEMES SOBRE MEDIDAS DE ACCIÓN INMEDIATA AS MEDIDAS DE ACCIÓN INMEDIATA DISPOÑIBLES PERMITIRÁN ÁS EMPRESAS ADAPTARSE AO NOVO CONTEXTO Un conxunto de máis de 60 expertos e consultores especializados súmase ao equipo técnico do Igape para dar apoio e asesoramento e formar aos autónomos, os comercios e as empresas galegas a través da implantación de iniciativas de acción inmediata que contribúan a reducir o impacto económico provocado pola covid-19. Grazas a esta liña de asesoramento a través da rede, enmarcada no programa Igape Responde, autónomos e empresas poden acceder a 14 tipos de medidas que se implementan de xeito rápido durante dúas semanas, cun seguimento posterior dun mes e unha intensidade de 25 horas de consultaría personalizada. Entre outros resultados, estas iniciativas poden xerar un clima de maior confianza, atopar novas fontes de ingresos no negocio, captar e fidelizar novos clientes, manter os servizos en remoto ou mellorar a motivación, a cohesión e o compromiso dos equipos. Os negocios e as empresas que teñan necesidades nos ámbitos financeiro, de negocio, de operacións e persoas, ou aquelas que non saiban como actuar no actual contexto económico (ámbito xeral), poden solicitar xa sen custo ningún este servizo. Estas son as medidas dispoñibles: A0_ÁMBITO DE PARTIDA: Medidas globais A1_ÁMBITO DE FINANCIAMENTO: Replanificación de débedas comerciais Planificación das obrigacións fiscais e resto de débedas Busca de financiamento e negociación de débedas financeiras e avais Xestión de cobros e de operacións comerciais A2_ÁMBITO DE NEGOCIO: Reorientación do negocio Reconfiguración da oferta comercial Promoción en liña A3_ÁMBITO DE OPERACIÓNS: Implantación do teletraballo Prestación de servizos en liña Reorganización operativa A4_ÁMBITO PERSOAS: Retención de equipos e motivación Fortalecemento de competencias para un novo escenario Planificación laboral O Igape Responde enmárcase no Plan de reactivación económica que desenvolve a Xunta de Galicia para acompañar ao tecido empresarial galego no novo contexto xerado pola covid-19. O plan inclúe outra liña de atención directa a consultas empresariais e o novo programa Re-acciona, deseñado nesta edición 2020-2021 para responder á nova situación económica. Que as persoas autónomas, os comercios e as empresas galegas sigan funcionando é o noso obxectivo. En Galicia, contigo #SeguimosAdiante |