IV Edición dos premios PEL : A Deputación amplía o prazo para presentar candidaturas ata o 28 de xaneiro ás 14:00h

A Deputación da Coruña amplía o prazo de presentación de candidaturas á cuarta edición dos premios PEL, podendo rexistrarse candidaturas ata o vindeiro 28 de xaneiro ás 14.00 horas.

Os premios do Plan de emprego local contan con cinco categorías, unha das cales está dirixida a recoñecer iniciativas innovadoras que, impulsadas tanto por empresas como por concellos, contribúan na loita contra a COVID-19. Así pois, as categorías desta edición son:

1ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial nova. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2019 ou 2020 e sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP.

2ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2015 ou con anterioridade.

3ª CATEGORÍA: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19. Para pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as e concellos que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os danos, efectivos e colaterais, ocasionados pola pandemia.

4ª CATEGORÍA: Premio ao concello promotor do emprego de calidade. Para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan a evitar o despoboamento do rural.

5ª CATEGORÍA: Premio á mellor asociación empresarial. Para asociacións, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña.

A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel.

Repartiranse un total de 75.000 euros en premios, 15.000 por cada categoría. Débese ter en conta que non se admitirá máis dunha candidatura por entidade e categoría, coa excepción de que os concellos poderán presentar candidaturas á terceira e cuarta categorías.

A presentación de iniciativas realizarase de forma telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://sede.dacoruna.gal/subtel/.

As bases reguladoras e a convocatoria pódense consultar na páxina web do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial:

https://emprego.dacoruna.gal/lineas/lina-2-pel-emprende/premio-provincial-mellor-iniciativa-empresarial/